O alumnado de 1º de ESO foi de excursión ás médulas e veu á radio a contarnos a experiencia.Participan María Patrón, Lucía Suárez, Alejandro Rey, Antón Pérez,Martín Blanco e Antía Martínez. No control de son estivo Unai Peral ( 1º ESO ) e Pablo Dopazo e Pedro Pardiñas ( 3º ESO ).
Día das Letras Galegas : Antón Fraguas
Desde o dpto de dinamización lingüística e a radio organizamos este programa co gallo das letras galegas 2019 en homenaxe a Antón Fraguas Fraguas. Participaron as alumnas de 1º de ESO: Rebeca González, Candela Regueiro, Claudia Alonso, Antía Martínez, Alejandra Martínez, Lucía Suárez e María Patrón. Parabéns!
Entrevista á ex alumna Ana Souto
Ana Souto Villanustre foi alumna do IES de Brión entre o 2007 e o 2013, estudou 1º de BACH en EEUU cunha beca da fundación Barrié e logo cursou o grao de Tradución e Interpretación na universidade de Vigo e un Erasmus en París. A día de hoxe traballa como asistente dunha profesora cega de español en París. Participaron na entrevista alumnas de 2º de ESO, Iria Viturro, Noa Vilas e Elena de los Santos e tamén a orientadora Esperanza L. Cordido. No control de son Adan Maroñas e Pablo Dopazo de 3º de ESO. Moi interesante!
Fabiola e Lucía cóntannos a súa viaxe a Hungría en semana santa
Lucía Suárez ( 1º ESO ) e Fabiola Peraza ( 3º ESO ) fálannos da súa viaxe a Hungría en semana santa por mor dun troco cultural do grupo de música galega ao que pertencen, Chorima. Participaron na entrevista alumnado de 1º de ESO, María Patrón, Candela Regueiro e Hugo Rodríguez. No control de son estivo Claudia Alonso ( 1º ESO ) e Adan Maroñas e Pablo Dopazo ( 3º ESO ).
Entrevista ao escritor Héctor Cajaraville
Despois dunha amena conferencia ao alumnado de 3º de ESO sobre o libro ” a caixiña dos rancores ” que leron na materia de Lingua Galega, Héctor pasou pola radio do IES de Brión para falarnos do libro, da súa obra en xeral e moitas cousas máis. Como non podía ser doutra maneira, participaron alumn@s de 3º de ESO, Fabiola Peraza, Rodrigo Carcedo, Simón Rivas e Tomás Stetson. Asemade no control de son estiveron Adan Maroñas, Pablo Dopazo e Pedro Pardiñas, do mesmo curso. Recomendable para os que teñen a inquedanza da escritura.
Entrevista a Ana Cadenas, profesora de Educación Física no IES de Brión ata o curso pasado
Ana foi mestra de infantil e primaria durante dezasete anos, sendo nai estudou Pedagoxía e aprobou as oposicións de secundaria pola especialidade de Educación Física. Estivo no IES de Porto do Son e rematou a súa vida laboral de cuarenta anos no noso centro, aínda que segue con nós dous días á semana por mor duns obradoiros de teatro e cine. Algunha das súas alumnas de 2º de ESO participan nesta entrevista, Iria Viturro, Noa Vilas, Yara Rial, Elena de los Santos e Irene Arias. Controlando o son estiveron Pedro Pardiñas e Pablo Dopazo de 3º de ESO. Grazas Ana polo teu compromiso co ensino e a desfrutar da merecida xubilación!
Representantes da ANPA explican os motivos do peche de principio de curso
Quen foi presidente da ANPA do IES de Brión ao principio deste curso, Tito Souto, e a tesoureira, Henrike Fesefeldt, pasaron pola radio para explicar os motivos que levaron a pecharse no centro ao comezo deste curso 2018-19. Participaron no programa as alumnas de 1º de BACH que viviron dun xeito moi activo esta situación anómala, Nerea Vilarelle, Sandra Vidal, Antía Cunqueiro e Aroa Carballeira.
No control de son estiveron Pedro Pardiñas e Adan Maroñas de 3º de ESO.
Certame literario organizado pola ANPA. “As mulleres da miña vida”
No pasado curso a ANPA do IES de Brión organizou un certame literario co gallo das Letras Galegas 2018, o tema era sobre ” as mulleres da miña vida ” na modalidade de relato curto, poesía e ensaio. Falamos cos gañadores do certame, Roi Penabade, Martina Sambade ( 2º ESO ), Sara Molinos, Daniel Souto e Lorena Diéguez ( 3º ESO ).Colaboraron no control de son Pablo Dopazo e Adan Maroñas ( 3º ESO ). Animamos a todo o alumnado do IES de Brión a participar no certame deste curso 2018-19 que leva por título ” cóntamo outra vez avoa “.Pedimos comprensión porque o son aínda non é o mellor.
Oriéntate
Novo programa coa colaboración da orientadora do IES de Brión, Esperanza López Cordido, onde entrevistamos a persoas que nos contarán a súa experiencia nos estudos que fan ou fixeron para axudar ao noso alumnado a escoller o seu futuro académico. Hoxe foi especial, alumnado de 1º de ESO (Alejandra Martínez, Alba Castro, Antía Martínez, Lorena González, Nerea Raña e Mauro Barreiro, tamén Claudia Alonso no control de son ) nos contan como foi o paso de primaria a secundaria e como ven o IES de Brión ).
Manifesto no día de Rosalía de Castro
Volve RADIO emBRIÓN, a radio do IES de Brión cun proxecto selecionado pola Consellería de Educación para o programa ” radio na biblio ” ( trinta en Galicia ) e deseñado pola Escola de Imaxen e Son de A Coruña. Que mellor que co gallo do día de Rosalía, 24 de febreiro. Para celebrar o día tivemos no centro un festival cheo de música e poesía, e como remate leuse un manifesto que recolle moitas das cousas que reivindicou Rosalía nos seus poemas. Aínda que cuns días de retraso viñeron á radio Sandra Vidal e Tania García de 1º de BACH que foron as presentadoras do evento para declamar o manifesto. Parabéns ao alumnado que participou e profesorado que o preparou.